Noticias
Entrevista ao Alcalde 14-06-2010
Entrevista publicada no diario EL PROGRESO o día 14 de xuño de 2010
El Progreso
Galiciae
Manuel Martínez: ''Son legal e colaborador e se non coopero máis coa Xunta é porque non me reciben''
Etiquetas: alcaldes, entrevista, Becerreá, Manuel Martínez
Pilar G. Cheda / El Progreso (Lugo).
MANUEL MARTÍNEZ está satisfeito do seu traballo nos últimos tres anos á fronte do Concello de Becerreá, pero ten unha espiña cravada: a residencia de maiores. Por ela enfrontouse ó Goberno bipartito e ten aberta batalla coa actual Xunta. De momento, ten os folgos intactos e non pensa parar. El forxouse nas filas da oposición e sentou na cadeira principal hai tres anos. Di que cando levantou a alfombra atopou cousas que non lle gustaron e que non marchou por vergoña. Púxose mans á obra para reducir a débeda que afogaba o Concello e, agora que as contas van cadrando, afronta con forzas renovadas o camiño cara á reelección. PREGUNTA: Que lle queda pendente para o que resta de mandato? RESPOSTA: O que está por facer son os proxectos que tiña comprometidos o Goberno bipartito e que a actual Xunta paralizou. Por exemplo, o saneamento, o tramo Saa-Becerreá da estrada de Sarria ou a reforma da feira. Había proxectos pagados polo Concello con esforzo e que o Goberno do PP apartou. Pero o tema que máis me preocupa é o da residencia de maiores. P: A residencia tamén lle trouxo enfrontamentos co bipartito. R: Creo que me debo ó pobo que goberno e teño que ser coherente independentemente das siglas da Xunta, da Deputación ou do Goberno central. O meu obxectivo é conseguir servizos para os veciños e a ideoloxía queda nun segundo plano. Con ese fin, son legal e colaborador con tódalas administracións e se non coopero máis coa Xunta é porque non me reciben para falar. Xa levo pedido tres entrevistas coa conselleira Beatriz Mato e outras tres coa secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, pero nin me contestaron. P: Como pensa sacar adiante ese proxecto? R: Esta alcaldía ofreceulle o mesmo ó BNG e ó PP, a antiga escola fogar. Agora a nosa idea é solicitar á Xunta un obradoiro para acondicionala como residencia provisional mentres buscamos medios, públicos ou privados, para facer un centro de 100 ou 150 prazas, que é o que necesita Becerreá e a súa comarca. O PP non o fixo no seu momento e cando o BNG tivo competencias tamén nos fallou. Un mes antes das eleccións, Manuela López Besteiro reclamaba unha residencia para Becerreá no Parlamento, pero agora que o PP tomou posesión, nin está nin se lle espera. O que antes era urxente agora nin se fala. P: É axeitado o edificio da antiga escola fogar para a residencia? R: Serve para comenzar, pero non para as 150 prazas que necesitamos. Para iso habería que tiralo e facer outro novo. Ofrecemos o solar ou, se a Xunta considera que hai outro mellor, tamén estamos dispostos a facer un esforzo para facilitarllo. P: Cal é o logro do que está máis orgulloso? R: Da posta ó día das contas. Dada a situación económica de partida, houbo que tomar medidas difíciles, como actualizar a recadación, pero a xente entendeu que era necesario. Despois foi preciso controlar o gasto e fomos pagando facturas pendentes. Iso impediu facer outros investimentos, pero reducir a débeda era prioritario. P: Este é o seu primeiro mandato como alcalde. Como se ven as cousas dende este lado? R: Sempre pensei que controlaba a situación económica do Concello, pero non era así e atopei sorpresas. Tamén levei decepcións coa xente que pide obras e servizos e despois pon problemas. Por exemplo, queren unha traída de auga e despois non cha deixan pasar polas súas terras. Xa me avisaba o anterior alcalde e eu non llo cría. P: Como van os trámites para a declaración da ponte de Cruzul como ben de interese cultural? R: Están encamiñados. Estamos á espera do informe do Consello da Cultura. Teño boa impresión. P: Compaxina ben o cargo de alcalde co de responsable de infraestruturas da Deputación? R: Si, é cuestión de organizarse. Á Deputación vou dous días por semana e o resto estou en Becerreá. No Concello teño as competencias repartidas entre os edís. P: O PP di que dende a Deputación dá trato de favor a Becerreá. R: Non é certo, non hai descompensación con respecto ó investimento noutros concellos. P: Vaise volver presentar ás eleccións? R: Salvo forza maior, si. No primeiro semestre do mandato, cando vin como estaban as cousas, non me fun por vergoña, pero agora que está todo máis ou menos encauzado quero seguir traballando. P: Como vendería o seu concello? R: Ten unha situación estratéxica na montaña. A biodiversidade é grande, a natureza aínda é salvaxe e o río Navia vertébraa. A tranquilidade é o mellor reclamo. MOI PERSOAL P: Que fai no seu tempo libre? R: Gústame ir de caza, desconecto moito. Sobre todo á pluma: perdiz e becada. Tamén tiña o vicio compartido coa miña muller de ir ó cine, pero dende que son alcalde, nada. P: Que música lle gusta? R: Gústame a clásica e tamén escoito moito Radio 3 porque ten programas específicos con cousas moi curiosas que non podes escoitar noutras emisoras. P: Que está lendo? R: 'La catedral del mar'. P: Sabe cociñar? R: Non, uns ovos fritidos e unha tortilla mal feita. Cando vivía só fíxeno, hai 30 anos, pero dende que teño quen mo faga abuso un pouco. P: E axuda noutras tarefas domésticas? R: Son moi torpe. Fago algunhas cousas, como cortar a herba, pero dentro da casa fago moi pouco. P: Compra so a roupa ou axúdanlle? R: A medias. A miña muller soe ir comigo de compras, pero a miña opinión tamén conta. P: Está no Facebook? R: Non, as redes sociais non me gustan. En internet xa hai moitos xeitos de que accedan á túa información, para canto máis dar facilidades. P: Cómo se leva coas novas tecnoloxías? R: Lévome ben porque hai que estar ó día, pero non me entusiasman. Tardei en ter móbil. Utilizo o ordenador e o correo electrónico. P: Non é dos que ten que pedir auxilio ós fillos. R: De momento non, voume defendendo.
14/06/2010

|