Noticias
Ampliación da Microplanta de Transferencia de Becerreá
Despois de que o Concello de Becerreá cedese unha porción de terreo do Punto Limpo de Becerreá á SOCIEDADE GALEGA DO MEDIO AMBIENTE (SOGAMA) para a ampliación da microplanta de transferencia de Becerreá, SOGAMA adxudica, por 68.000 euros, a obra de ampliación da Microplanta de Transferencia de Becerreá.
A instalación duplicará a súa capacidade cunha nova moega, pasando das 12 toneladas/hora ás 24 toneladas/hora.
Máis alá dos municipios aos que actualmente presta servizo (Becerreá, Cervantes e As Nogais), con esta obra a planta poderá recibir os residuos dos últimos Concellos limítrofes adscritos a Sogama, isto é, A Fonsagrada, Navia de Suarna e Pedrafita.
Tras a entrega do proxecto construtivo, o adxudicatario deberá concluír os traballos contratados no prazo de 5 semanas.
A provincia de Lugo acolle un total de 8 estacións de transferencia, das que fan uso 65 Concellos, atendendo a unha poboación de 353.838 habitantes. O ano pasado transvasáronse nas mesmas 127.985 toneladas de residuos.
Cerceda, a 6 de maio de 2010. - A Sociedade Galega do Medio Ambiente adxudica á empresa Cobra Instalaciones y Servicios, S.A, por un importe de 68.079,48 euros (preto de 22.000 euros menos que o prezo máximo de licitación), a obra de ampliación da microplanta de transferencia de Becerreá, actuación que obedece á falta de capacidade desta instalación para dar servizo aos últimos Concellos limítrofes adheridos ao modelo Sogama, isto é, A Fonsagrada, Navia de Suarna e Pedrafita. Ata este momento, e dende o 2004, a instalación vén transvasando os residuos urbanos procedentes das localidades de Becerreá, Cervantes e As Nogais.
Coa incorporación dunha moega máis, a planta poderá procesar o dobre de lixo que na actualidade, pasando das 12 toneladas/hora ás 24 toneladas/hora.
PRAZOS E TRABALLOS A EXECUTAR
A partir da entrega do proxecto construtivo visado polo colexio profesional correspondente, o adxudicatario deberá concluír a obra no prazo de 5 semanas, materializando, entre outros labores, a ampliación da superficie de acceso á segunda unidade de transferencia, así como a construción dun muro de contención e unha lousa de formigón armado.
A nova moega que, ao igual que a existente, ten por obxecto o traslado dos residuos ao interior do autocompactador, reunirá as mesmas características dimensionais que esta, contando da mesma forma con dous carrís guía, necesarios para a correcta colocación dos autocompactadores. Unha rede de pluviais complementará os traballos, que deberán incluír o acondicionamento da instalación eléctrica.
Concluídas as tarefas contempladas no contrato, Sogama procederá á realización das correspondentes probas de posta en marcha co fin de verificar o correcto funcionamento da microplanta no seu conxunto.
OITO PLANTAS DE TRANSFERENCIA NA PROVINCIA DE LUGO
A función das estacións de transferencia é a de transvasar os residuos que nas mesmas entregan os camións de recollida municipal a contedores de maior capacidade (20 toneladas de RU cada un), aptos para ser transportados ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda en axeitadas condicións hixiénicas e de seguridade. Polo tanto, nestas instalacións non hai nin almacenamento, nin manipulación nin tratamento de lixo, senón un transvasamento para que este reciba, de acordo coas súas características, un axeitado tratamento na infraestrutura central de Sogama en Cerceda.
Unha rede de 37 plantas de transferencia conforma o actual mapa de Galicia, concentrándose na provincia de Lugo un total de oito, isto é, Lugo, Sarria, Monforte, Chantada, Barreiros, Viveiro, Riotorto e Becerreá, dando servizo a 65 Concellos e atendendo a unha poboación de 353.838 habitantes.
As toneladas de bolsa negra (fracción de residuos depositada pola cidadanía nos contedores xenéricos ubicados na vía pública) procesadas durante o ano 2009 nestas oito plantas ascende a 127.985 toneladas, distribuíndose do seguinte xeito:
* Lugo: 65.251 t
* Sarria: 6.682 t
* Monforte: 10.428 t
* Chantada: 7.739 t
* Barreiros: 18.200 t
* Viveiro: 14.409
* Riotorto: 3.786 t
* Becerreá: 1.490 t
Prego de condicións ampliación Microplanta de Transferencia de Becerreá
Web de SOGAMA
Información en prensa: La Voz de Galicia
|